0
Nota de prensa de Podemos Vilagarcía: 

Posición de Podemos Vilagarcía respecto dos últimos acontecementos de Marea da Vila

Podemos Vilagarcía reafirma o seu compromiso con Marea da Vila como espazo de unidade popular e alternativa de goberno para Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, a 24 de xaneiro de 2019. Podemos Vilagarcía reafirma a súa aposta por Marea da Vila como espazo de unidade popular, cidadá, municipalista e autónomo, como única vía para construír en común a vila que precisamos, unha Vilagarcía que poña as vidas no centro das políticas.

Marea da Vila xurdiu do impulso de varias persoas que consideraban necesario articular unha alternativa para Vilagarcía, dende abaixo e coa cidadanía, baseándose nos procesos de unidade popular que acadaron gobernos nas máis importantes vilas de Galicia no 2015. Os principios de horizontalidade, transparencia, participación e democracia foron a base do proxecto, e foi en base a estes principios que distintas persoas que participan en Podemos Vilagarcía, tamén o fixeron a título individual en Marea da Vila.

Dende Podemos Vilagarcía comprendemos que en Marea da Vila o protagonismo e as decisións son das persoas, e que os partidos debíamos poñer as nosas estruturas e capital humano ao servizo da unidade popular. Nunca ao revés.

Polo tanto, Podemos Vilagarcía apoia a convocatoria de asemblea de Marea da Vila para este venres, na que se debaterá, entre outras cousas, o calendario de proceso de primarias para a configuración da candidatura e a elección da cabeza de lista. Respectamos pero non compartimos a decisión doutras forzas políticas, da que hoxe tivemos coñecemento pola prensa, de non asistir á asemblea e non presentarse ao proceso de elección da candidatura. Quen non crea nas primarias nin nos procesos de participación democrática é libre de facelo, pero Podemos Vilagarcía rexeita a negociación e imposición á asemblea dunha candidatura por cota de partidos, sen un proceso plural, en igualdade e aberto á participación.

En relación ás informacións sobre o proceso de primarias de Podemos, clarificar que se trata dun proceso interno de nula incidencia na evolución do espazo de Marea da Vila. De feito, a asemblea de Marea da Vila, e polo tanto as forzas políticas que participaban dela, tiñan coñecemento da data das primarias de Podemos dende hai meses, e ningunha mostrou disconformidade, entendendo que se tratan de procesos autónomos. Polo tanto, aludir ás primarias de Podemos é un argumento falaz que parece empregarse para agochar a cuestión central pola que algúns partidos abandonan  Marea da Vila, e que ten que ver coa configuración da candidatura: a través dun proceso de primarias, ou mediante unha negociación e reparto de cadeiras entre partidos na que Podemos Vilagarcía non quixo entrar.



Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario

 
Top