Marea da Vila solicita que se eliminen os pivotes da rúa Valle Inclán posto que supoñen un perigo para a seguridade dos ciclistas que circulan por este tramo.


Nota de prensa Marea da Vila Vilagarcía de Arousa, a 27 de febreiro de 2019. 
Con motivo das obras para probar a posible construción dun carril-bici na rúa Valle Inclán, que conecta Vilaxoán con Vilagarcía pola costa, instaláronse uns pivotes no centro da calzada, separando os dous carrís. Estes pivotes tiñan como obxectivo reservar un dos carrís para ser empregado como carril-bici, namentres que o outro era empregado para o tráfico rodado, alternando o uso nos dous sentidos mediante dun semáforo.

Pasados uns días e comprobada a inviabilidade da idea, procedeuse a desmantelar a instalación. Valoramos positivamente o feito de que se probase a instalación de maneira provisional antes de realizar unha modificación permanente, pero lamentamos que os pivotes separadores dos dous carrís non foran retirados, e agora supoñan un perigo para a circulación de bicicletas.

Neste momento, e debido á imposibilidade de cambiar de carril nesa recta, os coches non poden adiantar ás bicicletas cando circulan por este tramo. Isto é un problema porque nesa recta se podía adiantar mantendo a distancia de seguridade; cos pivotes, agora, é imposible.

Non deixa de resultar sorprendente que a intención do goberno local de habilitar un carril bici cara Vilaxoán, derive precisamente nun perigo para as persoas que circulan en bicicleta. Esta circunstancia só reafirma a improvisación dun goberno que ni sequera fixo a reflexión de que, ante o fracaso da súa iniciativa, o que correspondía é devolver a vía á súa situación anterior, quitando os pivotes e repoñendo os badéns que condicionan a velocidade nun tramo de evidente perigo para a circulación en bicicleta e peonil.

Compre recordar que a aposta pola mobilidade en bicicleta, que foi unha das principais propostas do goberno do PSOE, supuxo un rotundo fracaso en cada un dos seus intentos. Comezando polos pasos de bicicletas entre beirarrúas, o deficitario Vaibike, ou as famosas ciclovías que foi incapaz de poñer en marcha durante o presente mandato. Coincidimos na necesidade de potenciar a mobilidade en bicicleta de forma que sexa unha alternativa de transporte real, pero é necesario ser conscientes de que a transformación global que a fará posible é cuestión de establecer un proceso gradual, e non de promesas e anuncios inabordables. Preguntámonos ademais se este goberno é quen de poñer en marcha un proxecto tan ambicioso, cando nin sequera foi capaz de poñer en marcha algo máis sinxelo como o “VaiAPé” do que xa fai un tempo que non escoitamos falar. 

Por este motivo, Marea da Vila ven de rexistrar unha petición ao goberno municipal para que se eliminen canto antes esas barreiras de separación e se incorporen os elementos que a restitúan ao seu estado anterior, para así recuperar o nivel de seguridade que existía antes da devandita intervención na rúa Valle Inclán. Solicitamos ademais que se deixe de improvisacións xa que estas non fan máis que empeorar a situación. Son tempos de planificación e de traballar nunha Vila para vivila.



Suscríbete a Arousa TV por correo


 
Top