Marea da Vila amosa a súa satisfacción porque por fin o orzamento do pacto de estado chegue aos concellos e rexistra unha serie de preguntas ao concello sobre a súa execución.


Nota de prensa: 
Vilagarcía de Arousa, a 12 de febreiro de 2019. Dende Marea da Vila amosamos satisfacción polo feito de que por fin se distribúan os fondos correspondentes aos concellos no que se refire ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aínda que sabemos que eses 23.530,35 € destinados a Vilagarcía son insuficientes con todo o que temos por facer para acabar con esta lacra que só no mes de xaneiro asasinou a 9 mulleres, e que converte nun inferno a vida de tantas outras. 

As persoas que formamos Marea da Vila pensamos que o noso concello ten o deber de reafirmar o compromiso coa loita contra as violencias machistas, non só con medidas de visibilización, senón con medidas estruturais que transformen a nosa sociedade. Por elo, imos rexistrar unha serie de preguntas ao goberno co fin de coñecer as liñas de investimento e os tempos que se marca, posto que teñen un prazo límite de execución do 30 de xuño. 

Para atallar as Violencias Machistas, a incorporación dos colectivos feministas e daqueles outros que traballan pola erradicación das violencias contra as mulleres é fundamental. Como o é o traballo do CIM (traballo levado a cabo con moi escasos medios), a formación do persoal dos servizos públicos que teñen a responsabilidade de atención das mulleres en situación de violencia, ou o desenvolvemento de programas dirixidos á mocidade. Dende Marea da Vila pensamos que estes deberían ser algúns dos eixos sobre os que xirara este investimento. 

Debemos recordar que o ano pasado se aprobou en pleno a moción de Marea da Vila "Unha Vila segura para as mulleres, unha Vila segura para todas as persoas", na que se especificaban medidas sobre tres eixos, o urbanístico, o da formación con perspectiva de xénero para a policía local, e o punto lila nas festas. Dos cales, só o punto lila chegou a levarse a cabo, amosando, unha vez máis, a pouca vontade do goberno para executar os acordos plenarios. 

Marea da Vila.


Suscríbete a Arousa TV por correo
 
Top