0

En Común inicia o camiño cara as municipais coa vontade de construír unha Vilagarcía máis xusta e integradora 

Jesús López será o candidato dun novo espazo aberto ás achegas da cidadanía e que aspira a solucionar os problemas do día a día do conxunto da veciñanza 


En Común deuse a coñecer este sábado de xeito oficial no Auditorio de Vilagarcía. O novo espazo político de confluencia inicia o camiño cara ás próximas eleccións municipais coa man tendida cara á cidadanía. Jesús López será o candidato dun proxecto nacido das achegas de moitas e diversas persoas; e que aposta por unha liña de traballo aberto e en contacto directo coa veciñanza, para tentar solucionar os problemas do día a día e dar forma a unha Vilagarcía máis xusta, igualitaria e integradora.



O novo espazo político nace coa vontade de conseguir unha vila que priorice as necesidades e o benestar das persoas. “Queremos construír unha política que implique ás persoas, independentemente da súa ideoloxía. Porque todas e todos temos algo que aportar. Unha política vocacional, de servizo público, cunha candidatura formada por traballadoras e traballadores que buscan aportar e contribuír a mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza”. Son palabras do candidato, que ante un auditorio ateigado iniciaba oficialmente a andaina cara aos comicios de maio cun chamamento á participación cidadá.

En Común nace “con vocación de cambiar as cousas, de gobernar e de traballar por unha Vilagarcía que pode ser mellor, no eido social sobre todo. Saímos de aquí cun compromiso de traballo en común e cunha petición de axuda”, indicou López. Que ante o numeroso auditorio que asistiu á presentación animou a toda a cidadanía de Vilagarcía a aportar ideas “para que o proxecto medre e sexa cada vez máis en común e máis de todas e todos”.

O novo espazo nace da suma de diversas forzas e da unión de persoas vinculadas ás formacións locais de Esquerda Unida e Somos Maioría. Pero tamén de moitas outras que chegan ao proxecto sen o aval de ningunhas siglas políticas, tal e como destacou na súa intervención Gaspar González Somoza.

En Común preséntase coa vontade de crear unha Vilagarcía “máis xusta e humana, na que toda a veciñanza conte cun esparzo de convivencia cómodo. Unha vila que priorice as medidas sociais ao cemento, que conte coas persoas en risco de exclusión e que garanta servizos idénticos para o centro e o rural”.

Trátase dun proxecto aberto que quere chegar e implicar a todos os colectivos socioculturais do municipio. Así como a toda a veciñanza, “dende Bamio ata Aralde, pasando por Rubiáns, por  Vilaxoán, por Carril, Trabanca, Fortecarmoa, por Renza e polo Sixto”. “Queremos ser o referente político en Vilagarcía para as próximas municipais”, afirma Jesús López.

En Común preséntase coa vontade de crear unha Vilagarcía “máis xusta e humana, na que toda a veciñanza conte cun esparzo de convivencia cómodo. Unha vila que priorice as medidas sociais ao cemento, que conte coas persoas en risco de exclusión e que garanta servizos idénticos para o centro e o rural”.



Entre as liñas de traballo adiantadas neste primeiro acto de presentación figura o impulso do pequeno comercio e a hostelaría. Tamén a creación dunha rede de transporte público que conecte todas as parroquias, a aposta por uns servizos públicos municipais de calidade e o potenciamento da industria cultural, con especial atención ao coidado do idioma, do patrimonio e do entorno natural.

O feminismo e a protección dos dereitos dos animais tamén figuran entre as liñas que rexerán a acción política de En Común. Así como a protección das persoas maiores, tal e como destacou na súa intervención Susana Camiño. “Somos un grupo integrador, de xente normal, con ilusión e ganas de traballar e, sobre todo, de axudar. Aberto á cidadanía e ás súas inquedanzas e necesidades. Queremos estar presentes en todos os colectivos da cidade e chegar a todos os que precisen de nós. Aportar o noso gran de area para dar forma a unha Vilagarcía unida e preocupada polo que pasa ao seu arredor”.

Nota de Prensa
Vilagarcía de Arousa, 9 de febreiro de 2019


Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario

 
Top