Vilagarcía en Común denuncia o abandono de Carril e avoga por recuperar o investimento para mellorar servizos e infraestruturas 

Fronte as políticas centralistas impulsadas dende o Concello nos últimos anos, a formación aposta por incrementar a oferta de lecer e o mantemento de todos os núcleos 

Membros do novo espazo político reuníronse con colectivos carrilexos para recoller as súas demandas 

VILAGARCÍA EN COMÚN DENUNCIA O ABANDONO DE CARRIL E AVOGA POR RECUPERAR O INVESTIMENTO PARA MELLORAR SERVIZOS E INFRAESTRUTURAS


Nota de prensa Vilagarcía en Común. 28 de febreiro de 2019 
Vilagarcia en Común denuncia as carencias que as políticas
centralistas impulsadas polos últimos gobernos locais teñen provocado en Carril. A formación aposta por recuperar o investimento para mellorar servizos e infraestruturas e reverter a discriminación que a veciñanza deste núcleo ven padecendo. E que se deixa notar tamén nun deficitario mantemento das rúas e espazos públicos e na ausencia dun axeitado plan de promoción turística e divulgación dos seus valores históricos, naturais e etnográficos.

Vilagarcía en Común esforzarase por recuperar a calidade de vida da veciñanza de Carril, dotando a este histórico núcleo vilagarcián de servizos á altura das súas necesidades. Seguindo coa liña de traballo que veñen mantendo nas ultimas semanas, membros da formación desprazáronse este mércores ata Carril para recoller as demandas da veciñanza, nunha concorrida xuntanza na que participaron membros de distintos colectivos locais.

O novo espazo político que encabeza Jesús López incorporará á súa proposta programática as inquedanzas recollidas nese encontro. Reclamacións que poñen o foco na necesidades de mudar o enfoque centralista das políticas municipais e de dotar a Carril de máis servizos de lecer e deporte.

Mellorar a contorna da pista multideportiva situada no campo de fútbol 7 para convertela nun verdadeiro núcleo de convivencia e ocio activo é unha das propostas que Vilagarcía en Común xa ten feito súas. Tal e como reclama a propia veciñanza, a formación entende que é necesario mellorar a limpeza e o mantemento dunha infraestrutura cada vez máis deteriorada e complementala con espazos que favorezan a práctica doutras actividades, así como con zonas verdes e de xogo.

A falta de áreas de esparexemento e actividades especialmente pensadas para a mocidade é outra das carencias sobre as que a formación porá o foco. Así como a mellora do parque infantil da Alameda, que se atopa nun lamentable estado de abandono, con algún elementos, como a canastra alí instalada, inutilizables.

O encontro, no que participaron membros das asociacións Rompetimóns, Gato Negro, Malveiras, Amar Carril e da Asociación de Mulleres Rurais, tamén serviu para evidenciar o malestar existente debido ao progresivo deterioro do casco histórico carrilexo. Así as cousas, Vilagarcía en Común traballará para impulsar a recuperación deste importante núcleo mariñeiro e por potenciar a súa promoción a nivel turístico, freando a proliferación de edificación en situación de abandono e o feísmo.

Ademais, a formación entende que a illa de Cortegada e todo o patrimonio material e inmaterial ligado á tradición mariñeira e á historia de Carril deben ser divulgados e aproveitados como motor para o desenvolvemento socioeconómico dunha zona cuxos recursos e potencial precisan dun axeitado plan de promoción e posta en valor.




Suscríbete a Arousa TV por correo

 
Top