Considera inaxeitada unha decisión que crea un inaceptable precedente de discriminación cara a outros empresarios e veciños do municipio 

VILAGARCÍA EN COMÚN DENUNCIA QUE O CONCELLO SUFRAGUE A VIDEOVIXILANCIA DO POLÍGONO DE TRABANCA BADIÑA


Nota de prensa. 24 de febreiro de 2019.
Vilagarcia en Común denuncia a inaxeitada decisión do Concello de custear con cartos públicos a instalación de cámaras de videovixilancia no polígono de Trabanca Badiña. A formación considera inaceptable unha medida que supón conceder un trato de privilexio a un determinado colectivo, e que prioriza as necesidades duns poucos empresarios fronte ás dos demais veciños do municipio. O novo espazo político insta ao goberno local a buscar outra finalidade para os 41.000 euros destinados a eses
dispositivos e a procurar solucións que supoñan un beneficio para a seguridade do conxunto da cidadanía.

Vilagarcía en Común lamenta que o Concello tente suplir as carencias en seguridade que padece a capital arousana aportando solucións parciais discriminatorias. A formación entende que a decisión de sufragar a videovixilancia do polígono de Trabanca Badiña con cargo ás arcas do Concello é cando menos desafortunada e supón conceder privilexios en lugar de tentar garantir dereitos.

Sendo certo que se están a incrementar as actividades delictivas no concello, e que a sensación de inseguridade vai en aumento, Vilagarcía en Común entende que o lóxico sería que o Concello tentase aportar solucións que redundasen en beneficio de toda a veciñanza e non unicamente duns cantos empresarios. A formación lembra que as carencias dos corpos de seguridade e o déficit de axentes policiais son un tema que ven de lonxe. Un asunto que si compete solventar ao goberno local, que sen embargo prefire preocuparse unicamente pola seguridade dunha parte da poboación local.

Vilagarcía en Común lamenta a falla de compromiso do Concello e o seu desleixo á hora de dotar a Vilagarcía duns corpos de seguridade acordes ás súas necesidades. Unha actitude neglixente que provoca a total indefensión da veciñanza, especialmente durante as noites.

“Dende Vilagarcía en Común non somos favorables á colocación indiscriminada de cámaras de videovixilancia nas rúas do concello polos problemas de vulneración de dereitos fundamentais que poden provocar. Pero sobre todo non entendemos que se pretenda favorecer e protexer da situación de delincuencia unicamente a un colectivo de empresarios e non ao resto de empresas ou persoas de Vilagarcía”, lamenta a formación que encabeza Jesús López.

Vilagarcía en Común considera inaceptable que mentres outros veciños teñen que facer fronte ao incremento da delincuencia cos seus propios medios e se ven na obriga de sufragar os seus sistemas de seguridade privada, o Concello destine cartos públicos á vixilancia dunhas poucas empresas privadas. A formación lembra que son moitos os cidadáns que non teñen capacidade adquisitva para custear este tipo de solucións, e insta ao goberno do PSOE a actuar de xeito xusto e equitativo en lugar de impulsar medidas que crean diferencias entre cidadáns de primeira e de segunda.



Suscríbete a Arousa TV por correo

 
Top