Pediralle ao goberno que modifique o procedemento e que elabore un protocolo de actuación para garantir a seguridade dos traballadores e da veciñanza. 

Reclama que se proceda á retirada das canalizacións de fibrocemento unha vez rematada a súa vida útil, tal e como marca a legalidade 

VILAGARCÍA EN COMÚN DENUNCIA A VULNERACIÓN DA NORMA DE TRATAMENTO DE AMIANTO NA OBRA DE DOUTOR TOURÓN 

Nota de prensa Vilagarcía en Común. 26 de febreiro de 2019 
Vilagarcia en Común insta ao goberno local a cumprir coa legalidade e a primar a protección da saúde pública en todas as súas actuacións. A formación lamenta que, unha vez máis, o PSOE incumpra a normativa no que a tratamento do amianto se refire, contravindo as normas vixentes e poñendo en risco tanto aos operarios encargados do mantemento da rede de abastecemento de auga como ao conxunto da veciñanza. 

Este luns operarios de Espina e Delfin procedían a reparar unha parte da avaría producida nas canalizacións de auga da rúa Doutor Tourón. Unha incidencia que afectaba a unha tubaxe de fibrocemento que, polo tanto, contén amianto e debe ser tratada seguindo unha serie de precaucións. Porén, a intervención realizouse sen seguir a normativa vixente no que se refire a tratamento e exposición a un composto mineral que pode acarrexar importantes problemas para a saúde das persoas. 

Vilagarcía en Común considera intolerable que o Concello continúe sen tomar as medidas axeitadas e tomando á lixeira as súas obrigas nun tema desta relevancia. A formación lembra que hai escasos meses que o goberno local incorreu nunha irresponsabilidade idéntica ao non tomar as precaucións pertinentes nas obras da Praza da Independencia. 

Unha intervención que, a pesar das críticas que aquel momento chegaron dende as filas da formación que encabeza Jesús López, non serviu de aprendizaxe para o equipo de Alberto Varela. 

En Común lamenta que o goberno local non teña tomado nota do acontecido no mes de decembro, cando o concelleiro responsable recoñecía en comisión os incumprimentos sobre tratamento, manipulación e almacenaxe de residuos de obra con amianto que se deron na Praza da Independencia. Así as cousas, a formación reclamará no vindeiro pleno a elaboración dun protocolo de actuación claro e acorde á normativa vixente, que marque o procedemento a seguir e evite riscos para a saúde de operarios e veciñanza cando sexa preciso realizar unha reparación sobre unha das moitas canalizacións de fibrocemento existentes no municipio. 

A normativa obriga a que este tipo de obras sean efectuadas a traves de empresas certificada polo R.E.R.A e seguindo os procedementos adecuados para evitar que se poidan producir concentracións elevadas de fibras de amianto que poden ser inhaladas polos traballadores e dispersarse no entorno, causando exposicións inadvertidas noutras personas que se atopen na zona. Algo que non aconteceu no caso da reparación efectuada esta mesma semana en Doutor Tourón. 

A formación lamenta que a reparación nesa rúa se efectuase sen cumprir co que recolle o Real Decreto 396/2006. E é que nin se acotou correctamente a zona para evitar a exposición ao fibrocemento dos viandantes, nin se actuou a través dunha empresa de operacións certificada. Así como tampouco se procedeu á limpeza e descontaminación da zona afectada. Tampouco os residuos xerados foron reunidos nun lugar illado e acondicionado ao efecto ata ser trasladados a un xestor autorizado, tal e como marca a normativa de residuos perigosos.

Ademais deses incumprimentos no que ao procedemento seguido se refire, Vilagarcía en Comun denuncia a dinámica que o Concello pretende seguir nas avarías que afectan á rede de abastecemento de auga. Lonxe de prodeder á retirada das canalizacións de fibrocemento avariadas, o goberno local pretende optar pola incorporación dunha nova canalización ao interior desas obsoletas e perigosas tubaxes. Unha solución que contradí a normativa vixente e que implica o mantemento dun risco innecesario para a saúde de toda a cidadanía.

A formación insta ao Concello a cumprir coa legalidade vixente e a proceder á retirada das canalizacións de fibrocemento unha vez que estas se avarían e remata a súa vida útil. “A solución proposta perpetúa a presenza de fibrocemento no subsolo de Vilagarcía e provoca que no futuro cada nova actuación poida poñer en risco a saúde da veciñanza. Dende Vilagarcía en Común apostamos por priorizar o importante. Entendemos que non é de recibo poñer parches nun asunto desta importancia cando se malgastan millóns de euros en operacións estéticas, polo que elaboraremos unha auditoria das nosas canalizacións para programar a retirada total das redes de fibrocemento e a súa substitución por novos materias, máis seguros, e que eviten ademais as continuas avarías da rede”.

A formación denuncia a irresponsabilidade do grupo de goberno do PSOE, que volve amosar a súa incapacidade de xestión ignorando as súas obrigas e a legalidade vixente. 

Vilagarcía en Común lamenta que o equipo de Varela prefira as obras que permiten cortar cintas e deixe de lado o verdadeiramente importante, porque non se ve, poñendo en risco a saúde pública. Un inaceptable proceder electoralista que evidencia cales son as prioridades da formación socialista.




Suscríbete a Arousa TV por correo

 
Top