A formación visita distintos espazos que precisan dunha intervención, como a praia ou a praza Rafael Pazos. 

Destaca a necesidade dun plan de reindustrialización para unha zona que nos últimos anos perdeu centos de postos de traballo. 

VILAGARCÍA EN COMÚN RECOLLE AS INQUEDANZAS DA VECIÑANZA DE VILAXOÁN PARA INCORPORALAS AO SEU PROGRAMA. 


Nota de prensa Vilagarcía en Común. 23 de febreiro de 2019
Vilagarcia en Común achegouse esta fin de semana ata Vilaxoán para conversar coa veciñanza e comprobar in situ as necesidades da zona. A formación visitou diversos espazos que precisan dunha intervención e recolleu as achegas da cidadanía, que pasarán a formar parte do programa electoral participativo que o novo espazo político prepara para as próximas eleccións municipais.

Vilagarcía en Común continúa a traballar na elaboración da súa proposta programática para os comicios de maio. Logo da primeira xuntanza mantida con veciños de San Roque; e de ter feito súas o máis de medio cento de achegas aportadas polo público que asistiu ao acto de presentación no Auditorio; a formación que encabeza Jesús López continúa coa rolda de contactos para recoller as demandas e iniciativas da veciñanza de todas e cada unha das parroquias e barrios de Vilagarcía.

Desta volta foi a quenda de Vilaxoán. Unha zona para a que Vilagarcía en Común ve preciso artellar actuacións que permitan mellorar o estado de áreas como a céntrica praza de Rafael Pazos ou a praia.

De acordo co modelo que Vilagarcía en Común aspira a garantir en todo o rural do municipio, ao igual que no centro do casco urbano, a proposta para Vilaxoán pasará por dar forma a un núcleo máis humanizado e coidado, con espazos para a convivencia e que preste especial atención á calidade ambiental e á boa saúde das súas augas. Pero a visita serviu tamén para analizar a situación sociolaboral dunha zona moi castigada pola crise, e que nos últimos anos perdeu centos de postos de traballo vinculados ao sector da conserva. Nese senso, Vilagarcía en Común estudará as posibles alternativas para tentar dar forma a un plan de reindustrialización que aporte novas posibilidades laborais e que permita recuperar o poder adquisitivo da poboación local.

Con esta visita a Vilaxoán o novo espazo político continúa traballando fiel ao seu compromiso de contar con toda a veciñanza, tamén coa do rural, para elaborar as políticas municipais e dar forma a unha proposta participativa seria, que supere as falsas promesas electorais e que sitúe á cidadanía no centro da xestión diaria.




Suscríbete a Arousa TV por correo

 
Top