Reclama que tamén se ubique aí o PAC, e que se dote dunha área de fisioterapia e rehabilitación con espazo suficiente 

En Común propón a construcción dun novo centro de saúde na Travesía da Avenida das Carolinas


Nota de prensa 15 de marzo de 2019- 
En Común aposta por ubicar o novo centro de saúde que precisa Vilagarcía na Travesía da Avenida das Carolinas. Unha localización na que existen terreos dispoñibles e suficientes para albergar unha dotación de futuro e á altura das necesidades da poboación local, que reúna as características precisas para garantir unha atención sanitaria de calidade e que integre tamén o Punto de Atención Continuada.

Fronte a plantexamentos obsoletos e curtos de miras que para nada garanten a cobertura asistencial que precisa a cidadanía de Vilagarcía, a formación que encabeza Suso López presentou este venres a súa proposta para a construción dun novo centro de saúde no barrio de San Roque. “Cremos que non se pode insistir en proxectos que non teñen saída, como a Casa do Mar”, indica En Común, que considera que os terreos situados detrás dos hipermercados da zona reúnen as características idóneas para acoller unha nova infraestrutura sanitaria de calidade, que conte ademais cun área de fisioterapia e rehabilitación moderna e ben dimensionada.

A aposta de Vilagarcía en Común pasa por un centro de saúde con espazo suficiente para garantir unha atención de calidade e para albergar tamén o PAC. Un servizo que a formación ve necesario manter nunha ubicación céntrica do casco urbano, e cuxo traslado ao Hospital Comarcal suporía un claro prexuízo para os usuarios.

A construcción do novo centro de saúde en San Roque permitiría ademais impulsar un barrio actualmente moi necesitado de equipamentos e servizos públicos.



Suscríbete a Arousa TV por correo


 
Top