A formación ve necesario que o Concello favoreza ás firmas que xeren emprego en Vilagarcía en lugar de primar únicamente o aforro económico na adxudicación de contratos 

Aposta por incrementar as axudas municipais ás empresas 

En Común propón a introdución de cláusulas sociais que prioricen a pymes e autónomos locais nas licitacións públicas 

Nota de prensa. 13 de marzo de 2019, 
Vilagarcia en Común aposta por introducir cláusulas sociais que prioricen ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos locais nos procesos de licitación impulsados polo Concello. A formación ve necesario que a administración local se involucre e impulse medidas que contribúan ao fortalecemento do tecido empresarial local e que favorezan ás firmas que crean emprego na localidade.

Logo da visita realizada este martes á planta de Fundiciones Rey en Rubians, Vilagarcía en Común expresa o seu compromiso co emprego e coas pymes que desenvolven a súa actividade no municipio. A formación lamenta o escaso respaldo que estas están a recibir actualmente dende o goberno municipal, e aposta por poñer en marcha novos criterios e medidas que sirvan de respaldo ao tecido socioeconómico e impulsen a actividade empresarial no municipio.

Entre as propostas de goberno de Vilagarcía en Comun figura de forma destacada a inclusión de cláusula sociais nas licitacións públicas, priorizando ás pequenas empresas e autónomos locais nunha firme aposta polo mantemento e a creación de emprego. “Comprometémonos a superar os concursos baseados unicamente no aforro e no prezo e priorizaremos a necesidade de antender primeiro ás empresas que xeren emprego de calidade en Vilagarcía”, asevera a formación que encabeza Suso López. Desta forma, a proposta de En Común pasa por superar a actual política de contratación clientelar e baseada en amiguismos que actualmente impera no Concello de Vilagarcía, tal e como demostran as tendencias dos contratos menores do actual goberno.

Entre as propostas de Vilagarcía en Comun dirixidas ao empresariado figura tamén a creación dun mecanismo que emule ao Igape no ámbito munipal. Dese xeito a formación aposta por impulsar o financiamento público do circulante das empresas locais e por respaldar economicamente o inicio de actividade “mais aló das actuais axudas para a creación de emprego do goberno local que, aínda que necesarias, son escasas e non contribúen realmente á súa finalidade. O que precisan os emprendedores é axuda financieira ao comezo e para o mantemento das súas industrias e proxectos”, indica En Común.

Vilagarcía en Común resalta tamén a súa aposta pola transparencia, e denuncia a información prácticamente nula sobre contratacións menores dispoñible a día de hoxe na web municipal. A formación destaca que o goberno do PSOE non está a facilitar esa plataforma nin os montantes, nin as empresas, nin os contratos menores, e unicamente se procede a enumerar os montantes totais sen pormenorizar.


Suscríbete a Arousa TV por correo
 
Top