Luís Villares mantivo unha xuntanza en Cambados coas traballadoras do mar para trasladar as súas demandas ao Parlamento, ademais de reunirse con representantes do pequeno comercio ante a desigualdade de condicións que sofren respecto das grandes superficies 

En Marea reclama que o Goberno do Estado rectifique a subida inxustificada nas cotizacións das mariscadoras 

Cambados, 15 de marzo de 2019.-  
En Marea reclamou este venres que o Goberno do PSOE modifique o Real Decreto que regula as cotizacións das traballadoras do mar para que se adapten á subida aplicada ao resto de autónomos, “e que non se cargue sobre os ombreiros das mariscadoras un esforzo fiscal que ten que ser distribuído equitativamente. Esta será a posición que defenderemos no Parlamento e no Congreso”, indicou Luís Villares tras manter unha xuntanza con este colectivo. “Viñemos escoitar as traballadoras do mar, que foi o que non fixo o Goberno do PSOE antes de aprobar unha subida inxustificada da cota de autónomos. Pensamos que era necesario incrementar as prestacións, pero iso non pode vir acompañado dunha subida que non é equiparable ao resto dos traballadores autónomos”, engadiu. 

O voceiro de En Marea tamén celebrou unha reunión con representantes do comercio local da vila e reivindicou que “precisamos unha reforma da lei estatal que regula os períodos de rebaixas, porque establece unha competencia en desigualdade de condicións entre as grandes superficies e o pequeno comercio”. Así, defendeu que “hai que potenciar o comercio de proximidade e local. A liberalización que se está producindo no sector só beneficia as multinacionais en detrimento do comercio local, ao que hai que coidar porque é onde está a vida, se xera riqueza e se fixa poboación, e onde hai empregos con mellores condicións laborais”.

Luís Villares tamén quixo aproveitar a súa comparecencia ante os medios para amosar o apoio de En Marea ás reivindicacións da gran mobilización en defensa do medio ambiente e contra o cambio climático que protagoniza a xente moza. “Non hai planeta b, e polo tanto temos que corresponsabilizarnos do futuro climático e ambiental”, sinalou. En relación con isto referiuse tamén á decisión do Goberno de non seguir apoiando nos tribunais a defensa da prórroga concedida a Ence. “Celebramos que o PSOE agora, en época electoral, rectifique a posición mantida polo Goberno de Rajoy e defenda o que En Marea dixo dende o primeiro momento que se concedeu a prórroga, pero imos máis alá porque o Goberno pode ir a unha declaración dunha revisión de oficio da utilización concedida. É nula de pleno dereito e poden deixala sen efecto dende a propia administración. Polo tanto, pedímoslle que non se escude en mecanismos xudiciais e que derrogue esa prórroga”.

Por último, Villares tamén valorou a petición do presidente da Xunta de Galicia de investir o superávit da comunidade na sanidade pública. “Esta iniciativa de Feijóo é pura propaganda”, destacou e lembrou que a imposibilidade de investir o superávit en gasto social é algo ocasionado polas políticas de Mariano Rajoy. “No ámbito municipal impediuno a Lei Montoro, e a nivel xeral tamén foi ese Goberno do PP quen o rexeitou, ademais de ter votado en contra de ampliar o teito de gasto”. Deste xeito, apuntou que Feijóo “tivo a oportunidade de pedirlle cambios a Rajoy, pero non o fixo porque actuaba como un delegado do Goberno. É unha manobra oportunista nun momento no que sabe que xa non se vai poder facer porque estamos coa lexislatura esgotada”. Villares concluíu remarcando que “nós xa compartíamos ese desexo hai meses, cando o levamos ao Parlamento, e Feijóo votou en contra. Agora terá que explicar o seu cambio de criterio. Cando houbo posibilidade real non quixo facelo e agora cremos que tampouco quere en realidad. 




Suscríbete a Arousa TV por correo
 
Top