Que sucede co transporte público?

Marea da Vila valora que a Xunta atendese algunhas das súas peticións, pero considera a corrección insuficiente e invita a facer unha reflexión sobre todo o proceso.


Nota de prensa Marea da Vila. Vilagarcía de Arousa, a 6 de Marzo de 2019. 
Vimos de ler na prensa que a Xunta de Galicia da marcha atrás nunha das medidas máis prexudiciais do seu Plan de transporte para a comarca do Salnés: a de converter a parada do Cavadelo na estación de autobuses de facto de Vilagarcía, o que ademais de provocar serios problemas de circulación no centro, deixaría de lado a infrautilizada estación de autobuses e imposibilitaría a intermobilidade co tren. Segundo argumentos da Xunta, a proposta orixinal foi debida a un erro cos códigos das paradas.

Esta escusa, que nos resulta difícil de crer, lévanos a facer a seguinte reflexión: de que se trata realmente?, dun erro de incompetencia que deriva na toma dunha mala decisión? ou é que estamos en realidade diante dunha neglixencia profesional que leva a este tipo de propostas disparatadas? Ambas opcións comparten a mesma gravidade.

"Despois de todo, preferimos non pensar no que tería pasado de non presentar as alegacións ao Plan. Acabamos de evitar un posible colapso do centro e a morte da intermodalidade", di Andrea Obenza, número dous do partido. "Por sorte dende Marea da Vila visibilizamos as incoherencias do Plan, presentamos as alegacións pertinentes e en recoñecemento da gravidade do que detectamos incluso outros partidos reforzaron as nosas propostas, algo que valoramos, ó final do que se trata é de acadar melloras para todas".

O máis preocupante, é a reflexión sobre todo o proceso de elaboración do proxecto. "Preguntámonos en que se basearon. Se tan sequera se molestaron en ler o que estaban a plantexar antes de o publicar, ou se simplemente fixeron copia e pega do ano pasado, engadindo un par de modificacións aleatorias" di Andrea Obenza.

Marea da Vila presentou en Abril de 2018 unha moción no concello de Vilagarcía para a realización dun plan comarcal de transporte público, que foi aprobada por unanimidade. A primeira petición que se facía era a creación dunha Mesa para o Diálogo do Transporte Público. Neste sentido, o concello debería ter levado a cabo o acordado, para evitar que se producisen erros como os que tan gravemente estiveron a piques de nos afectar a este nivel.

Entre outras cousas, queda por preguntar por que a Xunta se nega a recoller a información de primeira man das nosas necesidades reais de transporte. Queda por preguntar onde están as liñas para ir ás praias no verán, os paneis informativos nas paradas de autobús, a intermodalidade para a xente que querería ir traballar en tren tódolos días ou as esixencias de accesibilidade ó transporte público. Un caso especialmente chamativo é o da falta de acceso á información das liñas por páxina WEB e aplicación móbil, pois existe unha aplicación móbil do Transporte Público de Galicia que está a funcionar nalgúns concellos. Por que non en todos?

Tendo en conta todo isto, e se lle sumamos os graves erros nos horarios das liñas (algunhas cuns tempos imposibles), os espazos en branco nos requirimentos tecnolóxicos ou de accesibilidade, chegamos a unha conclusión clara: á Xunta non lle importan o máis mínimo as necesidades de mobilidade da veciñanza da comarca.

Estamos a piques de perder unha oportunidade para vertebrar a nosa comarca. Esperemos que non acabemos hipotecados por un mínimo de 10 anos nun proxecto do que non sabemos cantos "erros nas codificación da base de datos" lles queda por depurar.



Suscríbete a Arousa TV por correo


 
Top