A cantidade, devolta en forma de doazón, ascende a 7.023,00€. 

A formación política repite a operación realizada anualmente durante todo o mandato para que se destine ás Axudas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais.  

Somos Maioría reclámalle ao Concello de Vilagarcía de Arousa que se cumpra o acordado no pleno de abril de 2018 e faga públicas as contas de todos os grupos municipais. 

SOMOS MAIORÍA REINTÉGRALLE NOVAMENTE AO CONCELLO AS SÚAS ACHEGAS PARA GASTOS DE MANTEMENTO 

Somos Maioría volve realizar a doazón anual ao Concello de Vilagarcía de Arousa que se corresponde coas achegas que durante todo o exercicio de 2018 este lle realizou ao Grupo Político Municipal desta formación vilagarciá. 

Somos Maioría, como leva facendo desde que entrou na Corporación Municipal, segue considerando que as achegas que realiza o Concello de Vilagarcía de Arousa para os gastos de mantemento dos distintos grupos políticos con representación municipal son completamente desproporcionadas e que lles supoñen un gasto enorme ás arcas municipais, cando todo ese diñeiro, achegado polas cidadás e os cidadáns de Vilagarcía de Arousa, debera ser empregado, precisamente, para beneficio desas persoas. 

Son moitas as necesidades económicas que ten que cubrir o Concello, polo que a devolución que acaba de realizar Somos Maioría faise coa condición de que a cantidade reintegrada (7.023 €) se destine un ano máis a aumentar a partida das Axudas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais. Achégase copia do documento xustificativo da transferencia. 

O grupo político municipal da formación local, recibida hai uns días a achega correspondente ao mes de decembro de 2018, deu por pechadas as súas contas anuais dese exercicio e presentou no Rexistro do Concello o seu balance de ingresos e gastos, como así o esixe a Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local naqueles concellos onde o Pleno así o requira. 

Por iso mesmo, e pasado case un ano desde a súa aprobación no pleno ordinario de abril, o Grupo Municipal de Somos Maioría lémbralle ao Concello que tal e como se acordou por unanimidade en dita sesión plenaria, deben ser publicadas no Portal de Transparencia da Sede Electrónica do Concello as contas de todos os grupos políticos municipais, cousa que nunca se fixo. 

Mentres desde o Concello de Vilagarcía de Arousa non se cumpre o acordado por unanimidade en sesión plenaria, Somos Maioría segue apostando pola transparencia e expón publicamente as súas contas (achegas municipais e nóminas percibidas polo concelleiro da formación) de maneira mensual no seu blog: www.vilagarcia.somosmaioria.org/blo

Vilagarcía de Arousa, a 23 de marzo de 2019.
Gaspar Antonio Gonzalez Somoza
Voceiro do Grupo Político Municipal de SOMOS MAIORÍA (PDDdG)



Suscríbete a Arousa TV por correo


 
Top