Vilagarcía en Común  aposta pola recuperación do aparcadoiro de Xoan XXIII 

Lamenta a inacción do goberno local ante a mala xestión, os incumprimentos e a débeda de 370.000 euros que acumula a concesionaria 

Vilagarcía en Común aposta pola recuperación do aparcadoiro de Xoan XXIII 

Nota de prensa Vilagarcía en Común . 5 de marzo de 2019 
Vilagarcia en Común fará todos os esforzos que sexan necesarios para recuperar o aparcadoiro de Xoan XXIII. Un céntrico e malogrado espazo que hoxe incumpre os cometidos para os que foi construído. A formación lamenta a inacción do goberno local, que a pesar dos anuncios realizados ao respecto continúa sen facer nada ante a nefasta xestión, os incumprimentos e a elevada débeda que acumula a empresa concesionaria.

Unha vez cumpridos os prazos que o propio goberno local marcou para procurar unha saída á lamentable situación do parking Xoan XXIII, Vilagarcía en Común desexa coñecer a situación dese espazo. A formación non entende que o PSOE opte por deixar pasar o tempo sen buscar solucións para unha infraestrutura que, tal e como ten confirmado o propio grupo de Varela, acumula unha débeda de 370.000 euros. E cuxo modelo de xestión fica moi lonxe do servizo público de calidade que debera prestar.

A formación urxe ao Concello a deixar a folga de brazos caídos e a adoptar medidas que redunden en beneficio do conxunto da cidadanía. E é que co mes de febreiro a piques de rematar o PSOE continúa sen mover ficha, incumprindo o seu compromiso de negociar co administrador concursal a finais de 2018, unha vez se coñecese a situación final do proceso de  iquidación do concurso da empresa.

A formación que encabeza Jesús López aposta por recuperar o parking mediante a fórmula menos lesiva para as arcas municipais pero sen descartar o rescate, vista a elevada incidencia da débeda que a concesionaria mantén co Concello; así como a situación calamitosa da infraestrutura.

A recuperación deste céntrico espazo de aparcadoiro e a súa xestión 100% pública permitiría incrementar o emprego xerado a partir do mesmo e reducir os prezos de estacionamento a cantidades simbólicas que universalicen o seu uso. Dese xeito a calidade do servizo que recibe a cidadanía melloraría de xeito notable, e o espazo podería converterse por fin nun instrumento verdadeiramente útil a favor da humanización do casco urbano. Neste sentido, cabe lembrar que ata este momento o parking permanece pechado polas noites e nos días festivos, impedindo o uso normal. Así como o feito de que a empresa concesionaria nunca cumpriu o prego de condicións en canto aos días de uso.


Suscríbete a Arousa TV por correo


 
Top