Son máis do 90% dos parques que se atopan inmersos no procedemento para a adxudicación final da súa concesión. 
O obxectivo é dar seguridade xurídica aos propietarios, aproveitar ao máximo o potencial produtivo da zona e asegurar o futuro e a viabilidade desta actividade. 

A XUNTA OUTORGA OS TÍTULOS DEFINITIVOS DE PRETO DE 1.100 PARQUES DE CULTIVO DE CARRIL 


Santiago, 22 de abril de 2019.-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do outorgamento dos títulos definitivos de 1.093 parques de cultivo de moluscos de Carril, en Vilagarcía de Arousa. Trátase de máis do 90% das 1.169 parcelas que se atopan inmersas no procedemento para a adxudicación definitiva da súa concesión, co que esta tramitación está a piques de concluír. Os 76 títulos que quedan pendentes de entregar nesta fase iranse outorgando segundo finalicen as xestións correspondentes.

Coa concesión dos títulos definitivos a estes 1.093 parques de cultivo, a Consellería do Mar dá seguridade xurídica aos titulares das autorizacións, que ata o de agora eran provisionais, ao atribuírlles os dereitos legais que lles corresponden como propietarios das concesións definitivas para a súa explotación.

En canto ás parcelas vacantes, que quedaron fóra deste proceso por diferentes casuísticas (como parques de titular descoñecido ou parques de baixa a petición do seu titular, entre outras), a Consellería do Mar procederá a estudar a súa situación co fin de acadar o óptimo aproveitamento dos parques, todo iso consonte cos instrumentos que a tal fin sexan aplicables e escoitado o sector dos parquistas de Carril.

O obxectivo deste procedemento, aberto en 2015 coa publicación do decreto que daba por finalizada a revisión dos parques de cultivo, é asegurar o futuro e a viabilidade da actividade destes parques, un dos motores económicos da zona, ao tempo que se dá seguridade administrativa aos titulares das concesións.

O anuncio publicado no DOG supón o comezo da vixencia das concesións deste milleiro de
parques ao día seguinte da súa publicación, é dicir, mañá 23 de abril.

ANUNCIO do 9 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, polo que se fai público o outorgamento de 1093 concesións de actividade para a explotación doutros tantos parques de cultivo de moluscos no Carril, Vilagarcía de Arousa:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190422/AnuncioG0427-100419-0003_gl.html




 
Top