Compartir:






O hip hop será o ritmo que invada a praza da Peixería durante a xornada do sábado con motivo da celebración do Titerehop, un obradoiro destinado a adolescentes de 13 a 17 anos que poderán aprender a rimar hip hop en galego sobre temas que eles mesmo propoñan, así como a fabricar un monicreque que utilizarán para a posta en escena das súas composicións. Haberá unha sesión de mañá e outra de tarde e a participación é de balde. Os interesados poden inscribirse na propia Peixería ou dirixirse previamente ao servizo de Normalización Lingüística do Concello.

Titerehop é unha actividade innovadora e orixinal coa que a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia da que forma parte o Concello pretende atraer o interese da poboación xuvenil e fomentar o uso do galego a través de actividades que, como o hip hop, resultan atractivas para este colectivo poboacional. O obradoiro está dirixido a rapaces e rapazas de 13 a 17 anos e impartirase unha primeira sesión de 11 a 13:30 horas e outra de 17 a 19:30 horas.

O Titerehop ten unha duración de dúas horas e media de duración que se dividirán en tres módulos. A primeira parte será o obradoiro de hip hop propiamente dito no que García MC dará aos asistentes unhas nocións básicas sobre a cultura hip hop, ensinaralles de forma dinámica a crear rimas e traballará cos alumnos na elaboración de letras por grupo. A temática a utilizar será libre, polo que os rapaces elixirán o tema no que se atopen máis cómodos á hora de elaborar os textos.

A segunda parte constará dun obradoiro de expresión plástica que leva por título impartido por Viravolta e no que os alumnos confeccionarán un sinxelo boneco a partir de materiais como cartón, vasos de plástico, calcetíns e papel. Os monitores guiarán o proceso para que os bonecos teñan movemento na boca, brazos ou pernas, xa que serán os protagonistas da posta en escena que se realizará na terceira e última parte do Titerehop e na que o monicreque terá que bailar, manexado polos rapaces, e tamén simular que canta as letras creadas anteriormente.

O terceiro módulo será pois o da posta en escena nun espazo escénico creado `para a representación. Nel os alumnos interpretarán por grupos as composicións saídas do obradoiro de Hip Hop, utilizando para eso os monicreques. Esta parte da actividade será captada por unha cámara de vídeo para posteriormente colgar na rede as actuacións que se poderán ver a través do enderezo titerehop.wordpress.com. Así, os rapaces, ademais de ver o resultado do seu traballo, poderán escoitar as actuacións, ensinarllas a familiares e amigos, e descargalas nos seus teléfonos móbiles ou ordenadores. Só se emitirán imaxes dos bonecos en ningún caso dos menores.


Gabinete











 
Top