Compartir:
0

OS CONCESIONARIOS DISPOÑEN DE 15 DÍAS PARA PRESENTAR AS SÚAS OFERTAS DE
RENTING PARA TRES COCHES POLICIAIS


O último anuncio de licitación publícase no BOP de hoxe, polo que o prazo comeza a contar mañá, mércores

O prezo de licitación dos tres coches patrulla ascende a 129.000 euros

O parque móbil policial tamén sumará en 2015 un vehículo eléctrico

Vilagarcía de Arousa, 23 de setembro de 2014.- O Concello de Vilagarcía abre mañá, mércores, 24 de setembro, un prazo de 15 días para a presentación de ofertas ao concurso convocado para a adquisición de tres coches para a Policía Local. A compra farase polo sistema de renting, por un período de 48 meses e o importe con contrato ascende a 129.600 euros que financiará integramente o Concello. O prazo de recepción de ofertas ábrese mañá, despois da publicación hoxe mesmo do último anuncio en boletín oficial.

Co obxectivo de renovar o parque móbil policial coa maior brevidade, unha vez adxudicado o subministro, a empresa deberá servir os vehículos nun prazo máximo de 2 meses, tempo que se utilizará para adecualos ás prestacións, esixencias e medidas de seguridade que precisan para a prestación dos servizos policiais, así como para a rotulación oficial. Todas estas indicacións figuran nos pregos que se poden consultar no perfil do contratante da web municipal www.vilagarcia.es.

Aparte destes tres vehículos convencionais, o parque móbil da Policía Local tamén se incrementará o ano que ven coa adquisición dun coche eléctrico para labores policiais como a realización de informes, traslados para inspeccións e labores de apoio. Con esta novidade o Concello da un primeiro paso na incorporación ao parque móbil municipal de vehículos "limpos" que ao non usar motores de combustión resultan máis respectuosos co medio ambiente. A partida para a compra do coche eléctrico incluirase nos orzamentos municipais de 2015.

O Concello pretende que este exemplo conda tamén entre os cidadáns, por iso, á dotación do vehículo eléctrico para a Policía conlevará sen custe engadido a instalación dunha estación de carga que se permitirá utilizar a todos aqueles usuarios de coches eléctricos particulares que o desexen. A estación de carga funcionará como calquera estación de autoservizo na que os condutores poderán recargar os seus vehículos pagando exclusivamente o importe do subministro eléctrico consumido.

Suscríbete a Arousa TV por Email

Publicar un comentario Disqus

 
Top