Compartir:
0

COMEZAN OS TRABALLOS PARA RECOLOCAR O OBELISCO NA PRAZA DE GALICIA

Patrimonio dou o seu beneplácito á actuación proxectada polo Concello

Operarios do servizo de Obras comezaron hoxe os traballos previos para recolocar o obelisco da Praza da Constitución no seu emprazamento orixinario na Praza de Galicia. O retorno ao centro da cidade faise despois da restauración do monolito e de que Patrimonio comunicara ao Concello o seu beneplácito á actuación proxectada.

O obelisco foi restaurado na escola de Canteiros co obxecto de subsanar os desperfectos que a estrutura sufriu co paso do tempo. Dado que a maquinaria do reloxo e catro esferas que se acomoda na parte superior do obelisco non funcionaba e de que non había pezas para o seu arranxo, investironse 4.000 euros na adquisición dun reloxo novo.

Aínda que o obelisco no estaba catalogado, o Concello decidiu comunicar o proxecto de traslado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia xa que se ía a devolver á Praza de Galicia, un contorno que si precisa dun tratamento estético específico pola singularidae dalgúns dos edificios que a rodean. O beneplácito de Patrimonio recibiuse hai uns días, polo que a Concellería de Obras ordenou iniciar o traslado.

As obras que comezaron esta mañá consisten na apertura da zanxa na que se cimentará o obelisco. Aínda que o lugar elixido dista uns poucos centímetros do emprazamento que tivo orixinariamente o elemento na Praza de Galicia, optouse por esta ubicación porque era a que mellor cadraba coa orientación da pedra do enlousado.

A zanxa terá 2,5 por 2.5 metros de lado e unha profundidade de 1 metro. Unha vez formigonada, asentarase enriba o obelisco. De non atopar servizos que obstaculicen a escavación, estes traballos poden quedar rematados esta mesma semana de xeito que a próxima xa se empezaría a montar o obelisco. A edil de obras comentou que xa se puxo en contacto coa escola de Canteiros e o reloxero para coordinar os traballos finais.

Publicar un comentario Disqus

 
Top