Compartir:
0

CONCELLO E COLECTIVOS DECIDEN POR CONSENSO CELEBRAR A NOITE DAS MEIGAS O PRIMEIRO SÁBADO, 5 DE SETEMBRO

Deste xeito non coincidirá co Combate Naval, aprazado ao día 29 por motivo da choiva, e se prolonga a actividade de verán

Finalmente, Combate Naval e Noite das Meigas non coincidirán nunha mesma xornada como consecuencia do aprazamento do espectáculo pirotécnico para o vindeiro sábado. Os dez colectivos que participan na Noite das Meigas reuníronse este mediodía coa concelleira de Cultura e decidiron trasladar o evento co que tradicionalmente se despide o verán en Vilagarcía ao primeiro sábado de setembro, o día 5.

A decisión adoptouse por consenso e despois de debater diferentes alternativas xa que a maioría non era partidaria de que ambos eventos coincidisen nunha mesma xornada posto que xa de por si, cada un deles, atrae cada ano a Vilagarcía a milleiros de persoas. O obxectivo desta iniciativa é a de prologar a actividade festiva de verán e contribuír a dinamizar a actividade na cidade a través do turismo e a hostalería.

Así, o vindeiro sábado 29 de agosto, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, celebrarase o Combate Naval, mentres que o día 5 terá lugar a Noite das Meigas.

Na reunión de este mediodía coa edil Sonia Outón participaron representantes dos dez colectivos que organizan a Noite das Meigas: O Noso Lar, Fontefría de Guillán, Malveiras, A Cantarela, Zona Aberta, Nós de Sobradelo, Os Remolóns, Praza de España, La Junquera e O Souto de Rubiáns. Cada unha delas ocúpase de montar un poboado meigo con pallozas e ambientar unha zona da cidade na que se fai a queimada.

Debido ao cambio de data, un dos colectivos non poderá participar na edición da Noite das Meigas deste ano por ter compromisos anteriores varios dos organizadores. Non obstante, a Concellería de Cultura ten previsto cubrir a vacante cun dos dous colectivos que tiñan de reserva e que son por orde, Xeada e Praza de Abastos.

Publicar un comentario Disqus

 
Top