O CONCELLO DA UN ULTIMÁTUM PARA A LIMPEZA E CONSOLIDACIÓN DO EDIFICIO DA PRAZA DO CASTRO
A empresa propietaria do inmoble dispón de dous meses para executar o proxecto redactado pola Oficina Municipal de Rehabilitación e que foi aprobado por Patrimonio.
De non obedecer, Ravella acometerá os traballos e iniciará procedemento de embargo de costas e bens para cobrar a actuación e as multas acumuladas.
O goberno considera prioritario garantir a seguridade de persoas e bens.
A empresa propietaria do edificio do Castro que presenta serias deficiencias estruturais e hixiene dispón de prazo ata finais de outubro para executar o proxecto de apeo e limpeza que garanta a seguridade de bens e persoas. O goberno local propuxo a adopción deste ultimato no Consello da xerencia de Urbanismo celebrado esta mañá a efectos de poñer fin a un problema que se arrastra dende hai anos e que se agrava co paso do tempo sen que a propietaria teña tomado medidas para previr riscos, pese aos numerosos requirimentos remitidos polo Concello e incluso as numerosas sancións económicas que acumula e que tampouco abonou, escudándose en cambios de titularidade ou do nome da sociedade.Dada a desobediencia reiterada por parte da propiedade, o Concello ordenou redactar o proxecto á Oficina Municipal de Rehabilitación a efectos de ir avanzando unha solución. O proxecto xa conta co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, trámite preceptivo posto que se trata dunha actuación nun edificio catalogado e protexido.
A Xerencia de Urbanismo acordou hoxe esixir á propietaria, unha inmobiliaria con sede en Madrid, a execución do proxecto no prazo máximo de 2 meses. No caso de que tampouco atendan este requirimento, o Concello encargarase de contratar os traballos, para o cal deberá sacar financiamento de outras partidas municipais, e pasarlle os custes á propiedade.
A concelleira de Urbanismo, Paola María Mochales, explicou que o que prima agora e garantir a seguridade e previr riscos nunha zona situada en pleno centro histórico da cidade e nunha zona moi concorrida por acoller varios locais de ocio nocturno e na que se celebran os multitudinarios mercados ambulantes cada martes e sábado.
Compre salientar que o edificio con fachadas á Praza Martín Gómez Abal e á Avenida da Mariña (fronte a Peixería) sufriu numerosos desprendementos da fachada, as paredes corren risco de caer e o tellado xa se desplomou. De feito, o Concello tivo que pechar a calexa lateral que une ambas rúas ante o risco de desprendementos. Ademais, o interior da edificación e un foco insalubre no que se acumula lixo e entullos.
Para garantir o cobro da actuación, así como as multas por infraccións urbanísticas que acumula, xa se están estudando as vías xurídicas a seguir e que pasan polo embargo de contas e de bens.
Prensa Concello Vilagarcía