Compartir:
0

O Concello de Cambados adhírese ao protocolo para a detección e tratamento de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo 

Este protocolo vai dirixido a todas as persoas que, en calquera nivel xerárquico e/ou posición, prestan os seus servizos para o Concello de Cambados, incluído o persoal colaborador (ben sexa por conta propia ou baixo a dependenciaa doutras empresas contratadas e/ou subcontratadas) e que poidan observar por si mesmas ou chegar a ter coñecemento directo ou indirecto de situacións de violencia de xénero que puidesen estar a sufrir outras empregadas e/ou colaboradoras no seu ámbito persoal e familiar, tanto dentro como fóra dos lugares de traballo.

Coa firma deste protocolo, a Corporación comprométese a previr a violencia de xénero no seo do Concello e no seu contorno social, prestándolles información e apoio ás traballadoras vítimas de violencia de xénero, establecendo en toda a organización o principio de tolerancia cero coas violencias machistas e difundindo entre todos os grupos de interese do Concello estes principios, integrándoos en todas as súas áreas de actividade e entre todo o persoal co obxectivo de erradicar esta forma de vulneración dos dereitos humanos e sancionar os comportamentos violentos. Esta declaración de principios establécese coa vontade de espertar e cambiar conciencias e liderar un cambio cultural e de comportamento, a día de hoxe aínda amparado en arcaicos estereotipos de xénero que teñen a muller no seu punto de mira, e busca promocionar unha cultura de rexeitamentoe sensibilización que propicie unha mellora do clima e da saúde laboral das traballadoras e traballadores.

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, foi quen formalizou esta adhesión nun acto realizado en Vigo, coa presencia, entre outros representantes, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, e a representante da Asociación Española de Auditores Socio-laborais, Mª Ángeles García Pérez, promotora e co-autora deste protocolo.

Un total de 165 organizacións asinaron xa este protocolo, entre as cales están 7 concellos da provincia de Pontevedra como Cambados, A Illa de Arousa ou O Grove.

Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario Disqus

 
Top