
O GRUPO LA UNIÓN PORÁ A BANDA SONORA Á CELEBRACIÓN DE SAN XOÁN CUN CONCERTO NA PRAIA DA CONCHA
O Concello tamén montará unha gran cachada no areal
Os permisos para facer fogueiras deben solicitarse antes do xoves 19
Vilagarcía, 14 de xuño de 2014.- A noite de San Xoán será este ano máis especial que nunca en Vilagarcía, onde o grupo La Unión porá a banda sonora das celebracións na praia da Concha cun concerto gratuíto. O Concello organiza o concerto con este mítico grupo do pop español co obxectivo de aportar un atractivo máis á arraigada festa do rito do lume. Como en edicións anteriores, o Concello tamén montará unha gran cachada no areal para celebrar a benvida ao verán.
As celebracións de San Xoán comezarán o luns 23 de xuño ás dez na noite co inicio do concerto de La Unión no areal da Concha. A banda liderada por Rafa Sánchez quentará o ambiente ata chegar ao fío da media noite, hora meiga na que, por tradición, se deben prender as fogueiras purificadoras. As meigas e espíritos que, segundo as lendas, acoden saen esta noite, contará nesta ocasión ca compaña do famoso lobishome que volverá a invocar os integrantes de La Unión co popular éxito Lobo Hombre en París, que os fixo saltar á fama a principios da década dos 80.
A Concellería de Cultura optou pola "La Unión" para este primeiro concerto da Noite de San Xoán por tratarse dun grupo coñecido por público de diferentes xeracións, cunha longa traxectoria chea de éxitos e porque este ano celebra os seus 30 anos sobre os escenarios cunha xira especial que leva por título "Hip-Gnosis".
La Unión son Rafa Sánchez, Luis Bolín e Mario Martínez. O grupo formouse no ano 1984. Dende entón teñen vendido máis de 2 millóns de discos, contan no seu haber con catro discos de ouro, 2 de platino, 4 multiplatino e no ano 2006 recibiron un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.
Saltaron á fama co fulgurante éxito do Lobo Hombre en París, tema que foi númeo 1 en ventas durante nove semanas consecutivas e do que venderon 200.000 singles. Ademais do que se pode dicir que é o himno da banda, La Unión interpretará no concerto de Vilagarcía outros éxitos da súa longa carreira musical como Sildavia, ¿Dónde estábais?, Ella en un volcán, San Francisco, De aquí a allá, Altos y frondosos, Más y más, Fueron los celos, Entre flores raras ou Con las manos vacías.
Rematado o concerto o prenderase a cachada e o público poderá continuar co rito do lume na noite de San Xoán para continuar a festa e a tradición de saltar as lapas, mantendo, por descontado, as necesarias precaucións e cumprindo as normas de seguridade para cada caso. Pola súa banda, o Concello realizará o dispositivo especial de Control e Emerxencias que soe organizar a noite de San Xoán, ao que se engadirá este ano as medidas precisas para a concentración de persoas en eventos como concertos ao aire libre.
Ademais, o goberno local manterá o vindeiro luns unha reunión coa asociación de hostaleiros Ahituvi para, entre outros asuntos, informalos deste evento na Noite de San Xoán e coñecer a súa disposición a colaborar na organización dalgunha outra actividade paralela.
O Concello pretende potenciar a celebración da Noite de San Xoán e convida a todo o mundo a que participe na festa. Lémbrase ademais que, as persoas interesadas en facer cachadas deberán contar co preceptivo permiso do Concello que deberán solicitar antes do xoves 19 de xuño nas dependencias municipais. A obtención deste permiso serve para informar aos interesados das normas de seguridade que deben cumprir para garantir o normal desenvolvemento da celebración e que todo o mundo poida gozar desta noite tan especial, así como facilitar a localización dos lumes a efectos de que estean convenientemente informados os servizos de emerxencias por si tiveran que realizar algunha actuación.