
Hai unha semana, en Vilaxoán, demos comezo a unha ruta para achegarnos á veciñanza e aos diferentes colectivos que conviven no noso concello e levar o proxecto de “Por unha Marea na Vila” polas parroquias e o rural. A intención é crear espazos de participación que teñan continuidade no tempo, posto que temos o convencemento de que unha Vila máis xusta, máis amable, próspera e inclusiva, só se pode construír xunto coa veciñanza.
A de Vilaxoán foi unha primeira toma de contacto e de escoita, na que xurdiron moitas e moi interesantes ideas. Pero, máis alá de temas concretos, esta xuntanza serviu para sacar algunha conclusión que hoxe os xornais confirman publicando as cifras concretas que reflicten o paulatino despoboamento do rural e das parroquias e que ten no de Vilaxoán o seu nome propio.
Como é posible que unha vila que sempre se caracterizou por un forte arraigamento e orgullo vexa diminuír ano tras ano a súa poboación cunha sensación entre tristura e impotencia?
Só hai que pasear por Vilaxoán para comprobar as nefastas consecuencias dunha serie de actuacións equivocadas. Sabémolo, a convivencia entre dúas institucións como o Concello e o Porto é complexa, e o balance moitas veces negativo. O de Vilaxoán non é un caso illado, a actual Vilagarcía é a consecuencia dunha concatenación de actuacións equivocadas, tanto sobre o patrimonio como sobre a fachada marítima, pero, no caso do centro téntanse corrixir, ata onde se pode e con maior ou menor acerto. Porque cando escoitamos ao goberno falar do seu “modelo de cidade”, estanse a referir precisamente a iso, á cidade, e mentres as parroquias e o rural agonían ante a ausencia dun modelo que as inclúa.
A isto hai que sumarlle a desaparición dalgunha das súas empresas máis emblemáticas, o que repercutiu na falta de expectativas laborais para a mocidade.
Pero tamén é certo que só hai que pasear por Vilaxoán, polas praias, pola zona vella, falar coa xente, escoitar que mañá xoga o San Martín ou pasar unha xornada nas Revenidas, para descubrir un enorme potencial desaproveitado.
Iso en Vilaxoán sábeno, lamentablemente o goberno parece non sabelo.
Vilaxoán precisa do seu propio proxecto a longo prazo. Un baseado nas súas potencialidades: as praias, a tradición mariñeira, o valor da zona antiga, pero, sobre todo, a súa xente.
As persoas que traballan nas institucións deberían comezar a substituír palabras como goberno e gobernar por palabras como cooperación, colaboración, tecer, escoitar. Pero no substituílas simplemente na lingua, senón como forma de xestión. Porque o latexo da Vila é a xente, e só a xente fará que avance.
Iso tamén o saben en Vilaxoán, por iso o venres empregáronse de maneira recorrente palabras como arraigamento e apego. O emocional como político. Fagamos política diso. Arraiguemos
Por unha Marea na Vila
Suscríbete a Arousa TV por correo